A Coruña, 14, 15 e 16 de Maio de 2008

Galego Castellano English

  Invitación
  Secretaría
  Organización
  Comités
  Sponsors
  Autores
  Inscrición
  Asistentes
  Programa
  Comunicaciones
  Stands
  Prensa
  Sede
  Cea
  Premio
  Viaxes e Hotel
  Edicións Anteriores
  Conclusiones
  Fotografía

Invitación
O compromiso coa Prevención: unha Responsabilidade Empresarial

Para calquera Administración Pública democrática moderna un dos principios cruciais consiste en promover e promocionar o benestar económico e social dos cidadáns: Este principio emana do concepto do Estado do Benestar ou welfare-state, que xurde a mediados do século XX como resposta á situación creada polo modelo da non intervención, o modelo do laissez-faire.

Entre as características comúns a calquera Estado do Benestar destaca o establecimento da Seguridade Social, pero tamén das actuacións para defender a igualdade de oportunidades (ensinanza obrigatoria e gratuita), equiparar a distribución das rendas ou mellorar a calidade de vida dos menos favorecidos. Trátase, en definitiva, de proporcionar asistencia aos cidadáns ao longo de seu ciclo vital naqueles aspectos nos que esta interveción é necesaria.

A mellora da calidade de vida laboral e, particularmente, a mellora das condicións de traballo encádranse nesta conceptualización. E para conquerir este obxectivo, na Unión Europea, usouse un enfoque autorregulado: facendo ao empresario responsábel de velar pola seguridade e saúde dos seus traballadores mediante a aplicación sistemática dos principios xerais de prevención. Obviamente, dende a Administración promocíonase o esforzo preventivo, proporcíonase asesoramento e exércense as funcións de vixilancia e control; accións que se poñen na práctica de forma directa e moi destacadamente mediante as actuacións da Consellería de Traballo, e tamén, nos seus respectivos ámbitos de actuación, mediante actuacións das Consellerías de Saúde e de Innovación e Industria, garantíndose as eventuais necesidades interdepartamentais a través da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Pero o protagonista da prevención é o propio empresario que, coa participación dos traballadores e o apoio técnico necesario, debe asumir a súa responsabilidade destinando os recursos que sexan precisos para avaliar os riscos, elaborar unha planificación e levala a cabo. E, sen distinción entre distintos tamaños de empresa ou sectores de actividade.

Esta responsabilidade establécese ao recoñecer que, utilizando palabras de Lord Robesa: “a prevención dos riscos laborais é, principalmente, unha cuestión de xestión eficiente; pero non unha prerrogativa da xestión… Por iso é necesaria a participación dos traballadores”. E toda a lexislación europea en materia de Saúde e Seguridade Laboral baséase neste concepto; un concepto que tamén se aplica á hora de previr riscos medioambientais, instrumentándose neste último caso a participación de traballadores (emerxencias internas) e da cidadanía (emerxencias externas).

En ambos casos, riscos laborais e riscos medioambientais, a idea subxacente é que os obxectivos da sociedade en xeral e das empresas en particular son interdependentes: a empresa, para ter éxito, precisa unha sociedade sá, segura e rica en recursos naturais; e a sociedade, para conseguir o benestar dos seus cidadáns e manter os seus recursos, precisa un entramado empresarial robusto e perdurábel.

E nesta interdependencia o equilibrio só pode lograrse mediante a responsabilidade, buscando un desenvolvemento sostíbel: coas persoas, velando pola súa seguridade e non deteriorando a súa saúde, e tamén co medio ambiente, utilizando os recursos naturais con racionalidade e preservando o medioambiente. Unha responsabilidade que é e debe ser obxecto de debate, estudo e reflexión.

Por todo iso, éme grato anunciarlles a celebración do Sexto Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais, ORP 2008 que se celebrará en A Coruña entre os días 14 e 16 de Maio de 2008. Neste Congreso baixo o lema: “O compromiso coa Prevención: unha Responsabilidade Empresarial” teremos a oportunidade de aproximar enfoques, debater, discutir e intercambiar información entre profesionais e cientificos, e partes interesadas nestes apaixoantes asuntos:

A Xunta de Galicia anímaos a acudir a A Coruña, para que entre todos convirtamos este Congreso nunha auténtica guía, cal Torre de Hércules, na consecución dunhas condicións de traballo sás, seguras e sostíbeis.

José Luis Méndez Romeu
Conselleiro da Presidencia, Administración Publicas e Xustiza.

Secretaría do Congreso: info@orpconference.org